Vixilancia contra os vertedoiros incontrolados
No que levamos de ano foron localizados un total de 74 vertedoiros incontrolados no termo municipal de Santiago de Compostela.
Nas últimas semanas, a Policía Local puido identificar aos autores de dous vertidos na antiga escombreira de Aríns e no lugar de Torrente. Os responsables foran contratados por unha veciña de Brión para efectuar labores de limpeza nun galpón, e decidiron desfacerse de diversos obxectos neses dous puntos, de xeito irregular. A Policía Local tamén puido identificar unha empresa responsable dun vertido ilegal no lugar de Pena Corveira, onde apareceron obxectos perigosos e contaminantes. Nos dous casos, estanse tramitando os expedientes de cara a impoñer as sancións oportunas.
Os lugares nos que aparecen os vertidos incontrolados con maior frecuencia, e polo tanto onde hai unha maior vixilancia policial, son A Cruxeira, a Granxa de San Lázaro, Brins (no contorno do circuíto de motocross), a antiga escombreira municipal de Aríns, Figueiras, Villestro, a Estación do Casal, O Porto e Amio (Pena Corveira).
O Concello vén de instalar sinais advertindo da prohibición de tirar lixo e entullos nalgúns destes lugares, en concreto na Cruxeira, Brins, Porto de Conxo, Casal de Laraño, Pena Corveira, e antiga escombreira de Aríns.